|
Javascript DHTML Drop Down Menu Powered by dhtml-menu-builder.com

Pampórnigas
de Quiroga

Cocos de
Ribadeo
|
Diferentes denominacións
En
Galicia existen numerosas voces para referirse aos xigantes e
curiosas variantes locais que testemuñan a popularidade destas
figuras nas terras galegas. A denominación máis estendida é a de
Xigante/Gigante ou Xigantón/G[J]igantón (esta
última é a preferida na prensa decimonónica), pero coñéceselles
tamén como mómaros (ou mómoros), almazonas,
calantornias, pampónigas, pantasmas, papamoscas e
cocos/as.
Mómaros chámaselles en Betanzos e Pontedeume (A Coruña) e en
Ribadavia e Allariz (Ourense), utilizando unha voz galega empregada
desde finais do século XIX co significado tanto de xigantón como de
máscara ou, figuradamente, pasmón. Non é de uso frecuente pero está
documentada en referencia aos xigantóns de Allariz (1877), Ribadavia
(1884) e Betanzos (1922), e recóllena algúns dicionarios (Eladio
(1958-61), Franco Grande (1972) e Carré (1972). Entre os escritores
galegos do século XX incluídos no Tesouro Informatizado da Lingua
Galega do ILGA, utilízana Blanco Amor (1962 e 1972), Pérez
Parallé (1995) e Ramón Loureiro (2000), este último en referencia
directa aos xigantes de Pontedeume. A raíz momo emparenta a
palabra cos Momos e Momerías baixomedievais,
espectáculos de máscaras de probable orixe italiana que non foron
descoñecidos en Galicia e Portugal onde a voz momum, co
significado de máscara, esta documentada en 1256.
A
denominación almazonas (ou armazonas) emprégase na
provincia de Ourense (na capital e en Allariz, Ribadavia e Viduedo)
e no norte de Portugal (Braga, Barcelos, Arcos de Valdevez…), sempre
en feminino aínda que frecuentemente refírase a unha parella de
xigantes masculinos como en Viduedo. En canto á orixe do vocábulo,
hai quen sostén que se trata dunha corrupción da palabra Amazona
ou, tendo en conta a variante portuguesa armazonas, da voz
armazón en referencia ao andamiaxe interno que sostén as súas
cabezas (en galego e en portugués o substantivo armazón é
feminino). Podería derivar tamén do adxectivo galego almazón
(m. persoa corpulenta), aínda que neste caso non cabe explicación
para o seu uso en feminino excepto supoñendo a súa asociación en
orixe cun substantivo (figuras almazonas).
En
Viduedo (Ourense) relaciónase o nome e a propia existencia dos
xigantes cunha lenda popular que fala dunhas galaicas guerreiras (Amazonas)
que se enfrontaron ao caudillo árabe Almanzor cando entrou Galicia a
finais do século X nunha razzia que o levou ata Santiago de
Compostela. Deste xeito, as almazonas de Viduedo derivarían
dunha antiga representación do acontecemento e explicaríase o
carácter agresivo destes xigantes que cos seus brazos móbiles
recheos parecen expresamente deseñados para golpear ao público.
Moi
popular en Galicia é a denominación Cocos ou Cocas. En
masculino emprégase para referirse a dous dos xigantes composteláns
así como ás parellas de xigantóns de Ribadeo, Barreiros e Vilanova
de Lourenzá (Lugo) e Vegadeo (Asturias), e, en feminino, utilízase
para referirse aos xigantes de Castro Caldelas (Ourense).
Probablemente a voz faga referencia ao seu aspecto monstruoso que
asusta aos nenos (do latín Coccu), pero na súa versión
feminina podería referirse ás cabezas das figuras (en galego coca=testa,
cabeza), ou ter algunha relación coas tarascas do Corpus (en galego
Cocas, do latín cocatrix=cocodrilo).
A
voz papamoscas emprégase normalmente para referirse a
xigantóns ou cabezudos dotados dun mecanismo que lles permite abrir
e pechar a boca, aínda que pode tamén facer referencia á expresión
dos seus rostros con grandes bocas abertas polas que vían os
portadores. Había un en Melide en 1848 segundo o testemuño de Madoz,
outros en Redondela e é a denominación empregada habitualmente en
Cambados (Pontevedra) para referirse aos xigantes de San Bieito.
Outras variantes menos frecuentes son as de pantasmas ou
calantornias. A primeira documéntaa Vicente Risco na provincia
de Ourense e a segunda é unha denominación que se utiliza
exclusivamente en O Barco de Valdeorras (Ourense). Debe ser de orixe
local xa que non a recolle ningún dicionario nin galego nin castelán
e no Barco discrepan sobre a súa orixe e sobre se debe aplicarse aos
xigantes, aos cabezudos que os acompañan ou ámbolos dous. Creación
local parece tamén a denominación pampórnigas ou
pampónigas que se aplica á parella de xigantóns que sae na
procesión da Virxe dos Remedios de A Hermida (Quiroga, Lugo). |

Mómaros de
Pontedeume

Almazonas
de Viduedo

Papamoscas
de Cambados

Calantornias
de O Barco |